4. Federación de
Mocedades Galeguistas
4.1. Creación da Federación de Mocedades Galeguistas
Dende moi cedo o P.G. plantexóuse a cuestión,
sentida como necesaria, de crear unha organización filial do partido na
que tiveran cabida os mozos que se sentían identificados coa súa
alternativa política.
Os xóvenes galeguistas, especialmente os
estudiantes, facía xa tempo que desenvolvían un labor cultural e
político na liña do P.G. Deste xeito, ollamos rebulir, pouco antes da
instauración da República, a un fato de universitarios composteláns
que percuran a galeguización da Universidade, e a tal fin organizan na
Facultade de Filosofía e Letras un ciclo de conferencias para o que
invitan a Cabezá de León, Moralejo, Tobío Fernández e Sebastián
Gaonzález (1).
Moi axiña, en febreiro de 1932, constitúense
sendos grupos de mocedades na Coruña e na cidade de Ourense. En efecto,
en xuntanza celebrada na «Irmandade da Fala» herculina, foi elexida a
directiva da «Mocedade Galeguista», adscrita ó P.G., tendo a Alfonso
Núñez por presidente, e a Angel Cocho, como segretario (2); a creada
en Ourense denominouse «Xuventude Galeguista», constándonos que
estaba formada por maioria de estudiantes, tamén adherida ó P.G., pero
recoñencéndoselle explicitamente a autonomía no seu réxime interno (3). Deixemos xa claro que as Mocedades non xorden como un movimento
autónomo, a instancias das propias esixencias e angueiras dos xóvenes,
senon que son fomentadas e tuteladas polos nacionalistas adultos. Temos
constancia documental de que xa en marzo de 1932 o Consello Executivo do
P.G. plantéxase a cuestión das Mocedades. Na discusión producida
agroman pareceres distintos sobor de se compría potenciar ós Ultreyas,
ou ben crear unha organización xuvenil de novo cuño; polo demais,
barallaron tamén a posibilidade de que foran compatibles ambalas duas.
Acordaron, ó cabo, que da problemática das Mocedades, e do
artellamento que debían ter co partido, se ocupara Alvaro das Casas. A
xuntanza non rematou ser que antes un dos conselleiros expusera o risco
que ó seu parecer ofrecían as poucas Mocedades Galeguistas creadas
deica entón para a «orgaización totalista do Partido», na medida en
que arredaban ós rapaces comprendidos entre 18 e 22 anos dos Grupos
onde a súa actividade de afiliados debía render os mellores froitos,
de xeito que o P.G. quedaría amenazado de se converter nunha xuntanza
de xente de certa idade. Temía tamén polo perigo de división do
galeguismo que implicaba. Para rematar, sostiña este Conselleiro, a
tese de que os rapaces deberían levar a cabo unha laboura formativa
completamente arredada da política militante (4).
As Mocedades ían nacendo ós poucos, e os
rapaces nelas integrados colaboraban co partido, limitando o seu
traballo practicamente a iso (5). A Mocedade de Ourense, que
presidía
Remixio González Gándara, leva a cabo un intenso traballo de
espallamento organizativo, froito do cal son os Grupos que nacen en
Allariz, Bande, Celanova e tamén o de Maceda que estaba a piques de ser
creado (6). En Vigo constituiuse unha Mocedade Galeguista que contaba con
60 afiliados (7). O seu segretario xeral, Xaime Illa Couto, foi o autor
dun chamamento no que exhortaba a constituir unha federación que
agrupase ás distintas mocedades locais. Ó chamamento de Illa
respostaron as Mocedades Galeguistas de Allariz, Ourense, Celanova,
Pontevedra, etc. (8)
Victoriano Buxán Rivas é quen, próxima a
celebrarse a «Asamblea de Mocedades Galeguistas», recorda ás agrupacións de mozos que debían asistir. Dí claramente que «En
Pontevedra e Vigo como rasgo fundamental dunhas xuntanzas que teñen as
"Mocedades" de ditas poblaciós, xurde a idea de reunir os
esforzos de todol-os mozos pra loitar baixo unha mesma bandeira e por un
mesmo fin» (9). Ó propio tempo pon de manifesto o seu pleno acordo co P.G.,
traslucindo que o único matiz diferencial das Mocedades verbo do P.G.,
tiña de ser o calor xuvenil que aquelas aportarían á defensa dos
ideais deste; paradoxicamente nada dí de asumir un programa
reivindicativo especificamente xuvenil, o cal revela o que xa deixamos
dito verbo de que as Mocedades non nacen espontáneamente, por obra dos
rapaces que nelas vanse encadrando, senon a instancias dos membros do
P.G., e estes non consideran necesario insuflarlles uns obxetivos
acaidos á peculiar problemática das xentes mozas. Buxán Rivas, e co
il os seus compañeiros, de momento aceptan de bo grado a tutela e
orientacións do P.G. (10). A medida que pase o tempo e conforme as
mocedades collan pulo e autodinamismo, cambeará bastante esta actitude
de sumiso acatamento. Polo demais, Buxán deixa esbozado o que logo
quedaría consagrado: das duas problemáticas que afectan ás Mocedades,
a xuvenil e a nacionalista, será esta última a que lles preocupe
caseque en esclusiva.
A primeiros de xaneiro de 1934 o representante
das Mocedades, Aquilino Iglesia Alvariño solicita e obtén
autorización do P.G. para celebrar unha Asamblea no local social do
partido co obxectivo de crear a Federación e discuti-Ia firma concreta
en que quedarían vencelladas ó P.G. (11). Formalmente a Federación de
Mocedades Galeguistas naceu nunha xuntanza de delegados dos distintos
Grupos de mocedades celebrada paralelamente á III Asamblea do P.G. os días
13 e 14 de xaneiro de 1934, en Ourense (12). De tódolos xeitos, na
práctica, a Federación non funcionou dunha maneira cabal ata ben
avanzado o ano 1935. Funcionaba iso si, cada mocedade local, gozando
todas de gran autonomia (13). Na Asamblea fundacional estaban
representadas as Mocedades de Lugo (por Ramón Piñeiro), Viveiro (por
Ramón V. Ponte), Coruña (por Pedro Galán Calvete), Ourense (por
Vicente Bóveda), Baión e Godos (por A. Iglesia Alvarino), Vigo (por
Illa Couto), Monforte, Celanova (por Celso Emilio Ferreiro), Allariz,
Maceda, Vilanova de Lourenzá (por Francisco Fernández del Riego),
Santiago (por Domingo Fernández del Riego), Pontevedra, Franza e
Láncara. Non eran estes tódolos Grupos existentes, pois o cronista
(14) nos dí que había outros Grupos, dos que non precisa a sua
ubicación, que enviaron un saúdo, cousa que tamén fixo un grupo de
mozas de Santiago. Polo demais, dise, mais ben de maneira aproximativa,
que contaban as Mocedades con perto de 1.000 afiliados. A Mocedade de
Vigo foi quen levou a batuta, discutindose as ponencias que ela
elaborara tanto sobor dos Estatutos como tamén encol do Programa de
acción.
Resultou elexida a seguinte Segredaría
Executiva:
Segredario Xeral, Francisco Fernández del
Riego.
Segredario de Organización, Xaime Illa
Couto.
Segredario Técnico, Xosé L. Fontela Méndez.
Segredario de Propaganda, Xoan Lois Ramos
Colemán.
Delegado do P.G. na F.M.G., Aquilino Iglesia
Alvariño (15).
Acordouse, asimesmo, que sete membros do Consello Nacional foran
elexidos respectivamente polas mocedades de cada bisbarra. Deste xeito,
foi escollido Conselleiro Comarcal de Lugo: Ramón Piñeiro, de Ourense:
Xosé Velo, de Vigo: F. Vila, de Santiago: Ogando Vázquez, de
Pontevedra: Alvarez Blázquez, e da Coruña non temos datos.
Deste primeiro congreso saíron aprobados uns
Estatutos, que tiveron de ser revalidados denantes pola Asamblea do P.G., pero non así un
«Programa de acción», que sería unha
significativa carencía crónica.
4.2. Organización da Federación de Mocedades Galeguistas
Iglesia Alvariño, na sua calidade de
delegado do P.G. na F.M.G., foi quen, representando a esta na III Asamblea do P.G.,
someteu a aprobación do congreso dos galeguistas
adultos os Estatutos que viñan de seren aprobados pola recén nada
F.M.G., e que supuñan a tutela practicamente total por parte do P.G.,
sendo votados favorablemente por este (16).
4.2.1. Os Estatutos: un proceso constituinte permanente
Os Estatutos da Federación de
Mocedades galeguistas, son practicamente unha réplica abreviada dos do
P.G., que serven de marco de referencia claro, chegando mesmo a expresar
que: «Pra casos non previstos n-istes Estatutos, servirán de norma
os Estatutos do Partido Galeguista» (17).
A F.M.G.
quedaba configurada como unha «Agrupación autónoma dentro da
Decraración de Principios do P.G.», destinada a aglutinar ós
mozos maiores de 15 anos e menores de 23.
O seu funcionamento estaba rexido polos seguintes órganos:
A «Asambreia xeral»: órgano supremo que se reúne cada ano,
podendo ser convocada extraordinariamente polo Consello Nacional, ou por
un número de grupos locais que en total sumen a maioria dos afiliados.
Elixe ó Consello Nacional e resolve as cuestións de Programa, táctica
e actividades.
O «Consello Nacional»: órgano directivo
formado polos ConseIleiros das comarcas e pola Segretaría Executiva.
Xúntase trimestralmente e designa ós Directores dos Departamentos
encargados da planificación das actividades da Federación. Asimesmo
designa ó representante da F.M.G. no Consello do P.G.
A «Segredaría Executiva»: consta de
catro membros (Segretario
Xeral, de Orgaización, Técnico e de Propaganda). A periodicidade
mensual das súas reunións o convirten na práctica no principal
órgano de dirección.
Polo demais, estipúlase que a F.M.G. se articula á base
de Grupos locais, que no agro debíanse acomodar ó marco da parroquia.
Os Grupos dispuñan de autonomía interna non poidendo formarse sen un
número mínimo de cinco afiliados. Para regula-lo seu funcionamento
interno estaban previstos dous organismos:
A «Xunta Xeral»: debíase reunir cunha periodicidade
mensual. Cada ano tiña de elexir a Segredaría Executiva e nomear ós
directores das seccións establecidas de acordo cos Departamentos de
actividades da F.M.G. Designaba tamén ó membro que representaba á
Mocedade no Consello do Grupo Galeguista (do P.G.) en caso de existir.
A «Segredaría Executiva»: integrábana tres
«Segredarios» (Xeral, de Orgaización e de Propaganda), que
debían estar en relación cos membros correspondentes da Segredaría
Executiva da F.M.G. Reuníase semanalmente.
No que fai ó sosteñemento da F.M.G., cada Grupo
podía establecer
libremente o tipo de cotización que deberían entrega-los seus
afiliados; o 15 % da cotización de cada Grupo debíase destinar ós
fondos da dirección da F.M.G. Establecíase, ó cabo, que en caso de
disolución, os seus bens pasarían a ser propiedade do Seminario de
Estudos Galegos. Quedaba, pois, configurada a F.M.G., como filial
xuvenil do partido, en estreita dependencia do mesmo.
Ata este momento os estudantes galeguistas e a
xente moza, onde quera que non constituira Grupos de Mocedades, militaba
no P.G. (18). Esta situación foi variando paulatina e lentamente,
conforme se produce o desdoblamento organizativo e a progresiva
autonomización das Mocedades. Temos constancia que en 1934 había
membros das Mocedades que perteñecían ó mesmo tempo o partido (19), o cal
debeu ser unha constante ó traveso de toda a vida destas duas
organizacións, pois, en 1936, como teremos ocasión de comprobar,
persiste esta situación de doble militancia en determinados casos (20).
Era esta unha situación «de facto» que non estaba
estatutariamente regulada. Sucedía tamén en ocasións que os afiliados
do P.G. menores de 23 anos non acababan de desvencellarse do partido
para constituir a Mocedade correspondente. Tanto é así que, ó
cumplirse un ano de funcionamento da F.M.G., Xaime Illa, tivo que
exportar ós afiliados do P.G. menores de 23 anos, para que formasen
Grupos e Delegacións da F.M.G. (21).
Na sua primeira xuntanza, o Consello Nacional
manifesta que as Mocedades estaban abertas a cantos quixeran entrar
nelas; agora ben, para salvagardar a pureza nacionalistas e o espíritu
combativo que se pretendía que tivese a F.M.G., pensaban en arbitrar un
procedemento: «ben entendido que terá de haber células primas no
seo das que se gardará a máis estreita discipriña» (22).
Como queira
que careceran de reglamentos, a «Segredaría Executiva» enviou a
tódolos Grupos un «Proeito de Ordenamento pra as Mocedades» (23). O máis
destacabel era o establecemento de duas Seccións:
De educación cultural e patriótica.
De educación física e deportiva.
Os directores destas Seccións eran designados
libremente pola xunta xeral de cada Grupo. Ademais delo, cada afiliado
ó Grupo debería traballar nalgunha das células que debían crearse en
todas as actividades profesionais, deportivas, culturais, escolares,
recreativas, de barrio, rúa, etc.: «pra millor exercer o
proselitismo e influxo nazonalista» (24).
No orde das realizacións prácticas sinalemos
que a Mocedade de Pontevedra creara unha Sección musical e outra
deportiva; o Grupo de Vigo dispuña dunha «Seizón de educación
física e deportiva», que tiña pensado formar un equipo de baloncesto, e outra «Seizón
cultural e patriótica»,
que estaba a formar a «Biblioteca da Mocedade»;
contaba tamén este Grupo cunha escola de oradores e de política. A
Mocedade de Ourense, que era das máis fortes, constituira Seccións de
«Excursións e Deportes»
e de «Música e Declamación»;
contaba ademais cunha Sección infantil e un equipo deportivo «Breogán
F.C.»
que xogaba con camiseta azul e estrela verde. Na Mocedade pontevedresa
configuráronse tres Seccións: «de Educazón Cultural e
Patriótica», Musical, e de Educación Física e Deportiva, que
contaba, con equipos de natación, Water-polo, futbol e excursionismo.
Estes eran os casos máìs destacados, estando as Seccións nas
restantes Mocedades, moito menos desenvoltas, cando non sinxelamente
increadas.
Os conselleiros das comarcas tiñan dereito de
inspección en tódolos Grupos, poidendo facetas oportunas observacións
para a súa boa marcha e funcionamento, que deberían ser tidas en conta.
Asimesmo, os Grupos debían facer cantas suxerencias e encomendas
quixeran ós conselleiros para que estes as puxeran en coñecemento da
«Segredaría Executiva».
O Cabo, apareceu mencionadas as Delegacións,
sen que se precise o
número de membros necesarios para constituilas. Pouco despois
apareceron duas modificacións (25)
a este proxecto de ordenamento.
Poderíanse admitir mozos de maior ou menor idade que as expresadas (23
e 15 respectivamente), se as circunstancias o aconsellaran e previa
consulta coa Segredaría Executiva. En segundo lugar, dábanse maiores
facilidades para convocar xuntanzas xerais extraordinarias dos Grupos,
abondando con que o pedíse a metade máis un dos membros, en troques
das duas terceiras partes como se establecía antes.
Na II Asamblea das Mocedades, celebrada os días 20, 21 de abril de 1935,
vólvese a discutir novamente a cuestión da organización,
polarizándose o congreso arredor de duas posturas encontradas: A
primeira tese sostiña a comenencia de crear grupos comarcais cun enlace
puramente consultivo. O xeito da organización sería atomizado, quedando
a organismo central privado de capacidade executiva, e somentes no caso
de que fora precisa unha acción conxunta de toda a Mocedade poderíase
centralizar circunstancialmente o mando. A segunda tese, aglutinada
arredor do deseño de Xaime Illa, postulaba a concentración do mando en
moi poucos dirixentes, considerado requisito imprescindible para acadar
unha actuación única, coherente e monolítica de toda a F.M.G. Como
argumento de fondo aducía que as Mocedades deberíanse arredar de todo
contacto coas outras ideoloxías de esquerda ou dereita, para non
fomenta-las divisións intragalegas, posto que era precisa a máxima
cohesión nacional posible. A plasmación deste plantexamento na
organización interna das Mocedades, reclamaba unha estructuración e un
estilo propio e centralizado de actuación: «Todo en Galiza debe
ser unificado, Galiza é unha unidade, e o máis arduo problema do
nazonalismo e agudizar a concencia da sua unidade. A nosa orgaización
ter de responder a esa unidade»
(26). Polo demais, en opinión
deste sector, a F.M.G. tiña como mal de orixe un excesivo respeto pola
democracia, parecéndolle que se atopaba no estado primario dunha
asamblea constituinte. Consideraba que as necesidades políticas do
momento reclamaban unha organización de acción e non de discusión.
Era, pois, imprescindible a dirección única e centralista, e asimesmo
botar man da disciplina.
A Asamblea non chegou a pronunciarse por
ningunha destas duas posturas, e a altura do nadal de 1935 insístese en
que o Consello e a Segredaría non debían templar gaitas, resolvéndose
a poñer remedio á desorientación froito da indefinición organizativa
(27). Os Estatutos quedan, pois, pendentes de reforma, pero en
calquera caso estipulan con toda claridade que para formar un grupo
comprían cinco mozos, en tanto que unha Delegación podíana formar de
un a catro xovenes (28).
Retrotraiámonos a maio de 1935 para glosar sen
choutos as sucesivas engádegas e revisións dos Estatutos da F.M.G.
Neste mes, como reflexo das discrepancias que progresivamente distancian
ás Mocedades do partido, deciden arredarse dos locais do P.G., sempre e
cando fora económicamente viable para o Grupo en cuestión (29).
En novembro de 1935 (30), Xaime Illa establece
tres tipos de células nas que se tiñan de subdividir os Grupos:
Célula de Localidade.
Célula de Entidade.
Célula de Acción.
Cada unha destas Células debía elexir un
xefe, que debía estar en relación directa coa S.E. do Grupo.
As Células de Localidade, podían ser de distrito, barriada ou
rúa. A
sua actividade debía consistir en facer propaganda nacionalista e
coidar dos intereses da localidade, denunciando os problemas e
elaborando solucións.
As Células de Entidades, podían ser por sectores profesionais, ou
ben
de tipo cultural, recreativas, deportivas, etc. O labor a desenrolar
consistía en facerse co control destas entidades para orienta-Ias suas
actividades nun senso nacionalista. Percura-la galeguización destes
sectores ou entidades. Defender, tamén, os dereitos dos mozos na
profesión, realizar estudos e proxectos sobor do seu melloramento, etc.
(31). Ademais debían procurar facer ofertas de colocación: «prós
irmáns sen traballo».
As Células de Acción: servirían para vencellar a tódalas demais.
Poderían formar parte delas os xefes das outras células do Grupo, e
preferentemente os mozos que non estiveran encadrados en ningunha outra
célula. A modo da F.A.I. dentro da C.N.T., deberían controlar e velar
pola ortodoxia nacionalista do Grupo e seleccionar os novos afiliados;
terían ademais a finalidade suplementaria de servir de motor para
tódalas actividades do Grupo, encargándose do espallamento da
propaganda clandestina.
Nunhas novas intruccións dadas en novembro deste ano de
1935 (32),
establécense os criterios territoriais de organización. Rexeitan a
estructuración por provincial, municipios rurais e partidos xudiciais
por consideralos artificiais. Propugnan unha estructuración sobor da
base escalonada da parroquia, vila, cidade, bisbarra (comarca natural
pequena), e rexións (comarcas grandes). Neste último ámbito
inclínanse (dun xeito non dogmático, por entender que necesitábanse
estudos ó respecto) polas circunscripcións correspondentes ás antigas
cidades capitais de provincia xunto coas novas cidades:
1) A provincia da Coruña quedaría subdividida
en: Santiago, A Coruña, e Betanzos-Ferrol;
2) A de Pontevedra en: Tui, Pontevedra, e
Vigo;
3) A provincia de Ourense manteríase como tal.
4) A provincia de Lugo en: Lugo, Monforte,
Mondoñedo e Viveiro.
Este escalonamento remataba no superior ámbito
da nación.
Sinalemos,
ainda que é bastante obvio, que de todo isto moi pouco foi levado á
práctica, dado que sete meses despois as Mocedades deixaban de existir
legalmente. De tódolos xeitos algo se fixo; en Pontevedra
precursoramente o Grupo dividéuse en células de parroquias e lugares,
constituíndose catro: Lerez, O Burgo, Santa Maria e San Bartolomé (33).
Ó mes seguinte (nadal de 1935) (34)
o infatigable Segredario de
Orgaización, Illa Couto, publica unha ampliación dos Estatutos da
F.M.G., matizando máis os detalles. Sinalemos, polo interés que ten, as
obrigas e actividades dos militantes:
Estudar a Historia, Literatura, Economía e problemas galegos en xeral.
Cultiva-lo sentimento galeguista.
Practica-lo excursionismo, a hixiene, a ximnásia ou algún outro
deporte.
Facer unha biblioteca galega para o seu uso; suscreberse ós periódicos
e revistas patrióticas; protexer ó S.E.G. e outras institucións e
obras de exaltación nacional; falar e escreber arreo en galego; cantar
as cántigas galegas e bailar os bailes galegos; leva-Ia bandeira galega
onde queira que fose, poñéndoa ademais nun lugar preferente da
habitación.
Mercar productos galegos e facer propaganda deles; axudar á formación
nacionalista dos amigos; ensinar lingoa, literatura, historia de
Galicia, etc.; prestar libros galeguistas e espallar folletos e follas
de propaganda; traballar para que tódalas bibliotecas adquiran libros
galegos, e se formen bibliotecas nas aldeas, sociedades, etc.; empregar
personal galego, etc.
Crear un clima de irmandade entre os mozos da
F.M.G.
No portavoz da F.M.G., «Guieiro», aparecido a mediados de
abril de 1936 (35), Xaime Illa Couto, publica un novo proxecto de Estatuto da F.M.G., que,
en principio, serviría de ponencia na III Asamblea das Mocedades. O máis novedoso é a nova denominación dos Grupos
locais, denominados agora «Irmandades locales», a percura da
centralización da estructura organizativa, que con todo segue mantendo
o seu carácter democrático (36), atribuíndolle a suprema autoridade á
Xunta Nacional (composta dun «Segredario Xeral» e
catro «Rectores») en detrimento do Consello Nacional, organismo
directivo máis amplio, que pasa a ser soamente consultivo e que ademais
só se debía reunir cando o convocara a Xunta Nacional; este mesmo
afán centralizador albíscase na figura da «Oficiña
Nacional», que
estaría baixo a xefatura dun membro da Xunta
suprema nacional, destinada a centralizar tódalas tarefas da F.M.G.;
oficina que tería a sua réplica exacta nos dous niveis inferiores, de
zona e localidade. Polo demais, insístese moito nas medidas
disciplinarias e, sintomáticamente, non se especifica onde quedaría
fixado o domicilio da F.M.G. ós efectos legais, en consonancia co
acordado en maio de 1935, a diferencia dos primeiros Estatutos nos que
se especificaba sen ningún xénero de reparos que sería o mesmo do P.G.
en Pontevedra.
A primeiros de maio de 1936 aparecen novamente
unhas consideracións sobor da organización da F.M.G. (37). Distínguense
teóricamente as células das organizacións auxiliares:
«As células son órgaos nosos, as propias terminacións nerviosas
da nosa estructuración interna [...]. As organizacións auxiliares son
orgánicamente alleas a nós, nás que é mester incruir masa neutra, máis
que son percisamente a mellor base operante pras nosas células.»
(38) |
Dicíase tamén que:
«Pode suceder que isa Asociación seña contraria a nós ou poida
selo ou que seña indifrente. N-ises casos o noso traballo tenderá ao
seu desfaguemento ou gañala pra nós autuando namos casos dentro da mesma,
constituindo unha Sección.» (39) |
A proposta de Estatutos da Federación de Mocedades, agora chamadas
«Nacionalistas», presentada por
Illa na III Asamblea (40) que por certo se celebrou no local do P.G. en Ourense, non chegou a ser
discutida, por retirala o seu autor con obxecto de facilitar a
discusión; con todo, os Estatutos aprobados por esta Asamblea, sobre a
base do proxecto presentado polo Grupo de Ourense, non difiren
sustancialmente da proposta de Xaime Illa. Velai as diferencias en
síntese:
No proxecto de Illa sinalábase que poderían ser membros da
Federación tódolos mozos galegos, en tanto que nos Estatutos
definitivos dicíase, para evitar suspicacias, que terían a
oportunidade de entrar nela mozos que non foran nados en Galiza.
Os dous
organismos directivos previstos por Illa, a Xunta Nacional (executiva) e
o Consello Nacional (consultivo), refúndense nunha única instancia que
se denomina «Consello Executivo Nacional».
Persiste o afán centralizador pero con menor intensidade que no
proxecto do mozo vigués. Así, aquela «Oficina Nacional»,
que Illa revestía de caseque omnímodos poderes, queda agora reducida a
un simple organismo informativo. Como valoración xeral, podemos
considerar que son uns Estatutos de síntese entre as correntes
autoritaria e centralizadora, por un lado, e a democrática con algúns
ribetes acráticos, por outro. O principal era que quedaba salvagardado
o dereito da base a discutir todo acordo denantes de ser aprobado polos
órgaos directivos da F.M.N. Prohíbese a doble militancia (á que se
non refería Illa), polo menos nas entidades de ideoloxía contraposta á
das Mocedades.
Do mesmo xeito que no proxecto de Illa Couto, non se
sinala o mesmo domicilio social que o do P.G.
4.2.2. Implantación da F.M.G.
Como vimos que acontecía cos Grupos locais do
P.G., tampouco dispoñemos dunha lista de Grupos e afiliados á F.M.G.,
por ter desaparecido como consecuencia das cautelas impostas polas
severas medidas das autoridades, que en 1936 estableceron un novo
réxime. Xa que logo, temos que reconstruir o catálogo de Grupos en
base ós datos ciscados por toda a documentación manexada, servíndonos
primordialmente de A.N.T., e do órgano oficial das Mocedades, «Guieiro». Constatamos, así, a existencia de Grupos de
Mocedades nas seguintes localidades: Carballedo, Santiago, San Xoan de
BarcaIa, Maceda, Franza, Viveiro, Allariz, Bande, Celanova, Laxes,
Ourense (onde había dous, un masculino e outro femenino), Mourillós,
Bentraces, Verín, Pontevedra, Vigo, Monforte, Tui, Coruña, Bergondo,
Pontedeume, A Estrada, Bueu, Pontecaldelas, Redondela, Mondariz,
Escudeiros, Puga, Lugo, Bandeira, Rianxo, Baión e Godos, Lama (Lugo),
Láncara, Laxe, Taboada, Vilanova de Lourenzá, Negreira, Lariñao, San
Xulián, Ribadeo, Sarria e Muros. Sabemos que estaban en proceso de
creación as Mocedades de Marín e Ponte de Mera, sen que se nos diga se
chegaron a constituirse ou non. Rexistramos a presencia de Delegacións
en: Mourillón (que dependía da Mocedade de Láncara), Cotovade,
Figueirido, Cangas, A Cañiza, Ramallosa, Cuntis, Ponteareas, Cobas,
Fontabaín, Balse (Vide Anexo Mapa IV).
Como tampouco contamos cunha lista de afiliados, calcularemos o umbral
mínimo, sobor da base de que cada Grupo de Mocedades debía ter, de
conformidade cos Estatutos, un mínimo de 5 afiliados e as Delegacións
entre 1 e 4. Temos un total de 45 Grupos e 13 Delegacións (42). Antes de
multiplicar respectivamente por 5 e por 2, restaremos cinco Grupos dos
que temos ditos concretos sobor da afiliación; son os de Ourense, 58
afiliados (43), Allariz, 32 afiliados, Bande, con 29
(44), Celanova con 90
afiliados (45), e Santiago con perto de 80 (sendo no período do curso
académico bastantes máis, xa que a maioría eran estudiantes) (46). Así
pois, os 40 Grupos e 13 Delegacións, arroxan un total de 226 membros,
que sumidos á cifra de 289, proveñente dos Grupos de afiliación coñecida, dan un montante de 515.
Organigrama da F.M.G (41).
Tamén como referencia digamos que Risco
apuntaba que en 1933 as Mocedades contaban con perto de 500 afiliados (47).
O nacer a F.M.G., en xaneiro de 1934, «A.N.T.» da a cifra de
perto de 1.000 afiliados (48); e meses despois volvese novamente a dar esa
mesma cantidade de afiliación (49). Esta cifra debémola tomar coas
debidas reservas, dado que toda organización política soe esaxerar o
seu número de adscritos. Sinalemos, o cabo, verbo da afiliación que tiña a F.M.G. en 1936, e cun carácter meramente indicativo, que votan
na II Asamblea, celebrada en maio dese ano, 770 afiliados (50).
4.3. Características da F.M.G.
O primeiro risco caracterizador das
Mocedades é o nacionalismo, como non podía ser menos nunha
organización patrocinada polo P.G. Na sua propia definición, faise
mostración deste ingredente que, como no caso do partido tutor, aparece
cautamente suavizado, figurando como galeguista. Como teremos ocasión
de ver logo en detalle, as Mocedades amósanse máis radicais que o P.G.
no seu común nacionalismo, non resistindo moito tempo a tentación de
plasma-lo seu xuvenil extremismo nacionalista nas siglas; deste xeito,
acordan na III Asamblea troca-Ia sua primeira denominación, pola máis
valente de «Federación de Mocedades Nacionalistas».
Pouca falla fará insistir na sua segunda nota distintiva, a de ser unha
organización xuvenil, que englobaba mozos (e mozas, pero aparte,
habendo nalgunhas localidades un grupo masculino e outro femenino,
organizativamente deslindados. Isto mesmo sucedía tamén no P.G.), entre
quince e vintetrés anos. Este carácter de mocedade, deixara sentir a
sua pegada con meirande nitidez no talante que no programa. En efecto,
no programa, tácito, esfiañado, pois que a paternidade dó P.G. supuxo
a orfandade programática da F.M.G., o non verse impelida a redactar
ún, dada a cómoda posibilidade de acobillarse ó abeiro doctrinal do
partido tutor; pois ben, dicíamos que no «programa» non
figuran reivindicacións e angueiras especificamente xuvenís, en tanto
que o talante, impetuoso, afiuzado, radical e coraxoso, si que ten moito
que ver cos poucos anos. Sinalemos, en terceiro lugar o integracionismo,
que non difire do P.G., coa salvedade de que nas Mocedades en tanto máis necesario, canto que era máis difícil de conquerir; necesidade e
dificultade que estában en relación directa coa virulencia e
crispación con que se exhiben as diferencias de todo orde, que era
mester conciliar. Así expresaba a propia F.M.G. esta angueira
integradora no seu órgano de expresión «Guieiro»:
«No noso seo, as difrenzas de toda cras, diluense no fondo sentimento de
irmandade que nos cingue», pero ben entendido que
«ser fillos
da nai Patria [...] non é impedimento pra que cada un de nós teña, ou
deixe de ter, un credo filosófico, político ou relixioso»
(51).
As diferencias que compría conxugar e integrar eran de tipo relixioso
(agnósticos e creentes, laicistas e confesionais, con diversos degraos
e matices), de índole política (dereitas e esquerdas) e social. Dado
que os dous primeiros verémolos con máis extensión en breve,
citaremos un texto que ilustre o integracionismo social, que admite a
existencia das clases sociais pero pretende que todas elas subordinen as
súas diferencias en aras do común interés nacional:
«A mocedade galeguista de Celanova [...] fai un
chamamento garimoso a todo-los mozos celanoveses, pra que (sin
distinción de clases nin castas, pois ante a nosa nai Galiza todos
somos irmáns) veñan a prestarnos o alento vital do seu entusiasmo
i-esforzo» (52) |
Ó servicio deste prurito tratan de fomentar
entre os mozos a tolerancia e mailo sentimento de irmandade, do que era
signo inequívoco o tratamento que se daban entre eles de «irmán».
Deste xeito exhortábase aos mozos para que practicasen distintas formas de irmandade, entre as que mencionaban as
tertulias, peñas e xuntanzas dos galeguistas de distintas localidades,
a axuda mútua e o fomento da amistade entre eles (53); tamén
promóvense, con este mesmo obxectivo, excursións de intercambio,
concentracións das Mocedades de distintas localidades, etc (54). A
cuarta nota distintiva da F.M.G é a sua definición como organización
de masas. Nas notas esbozadas por Xaime Illa para o programa da F.M.G.,
concibe a esta organización como de masas (55). E así rezaba un solto
aparecido a modo de lema na revista «Guieiro»:
«O nacionalismo non compre soio d-unha
minoria seleita, sinon de todol-os galegos. Atraelos â nosa causa é a
obriga de todol-os nacionalistas» (56). |
Digamos, ó cabo, que nacimento serodio da
F.M.G., librouna do viraxe dado dende unha concepción minoritaria a
outra de masas, que xa víramos como experimentara o P.G. Xa que logo,
cando a F.M.G. xorde en xaneiro de 1934, a sua pretensión de amplo
encadreamento está, como non podía ser menos, en completa adecuación
coa concepción de sí mesmo tiña o partido, verbo do cal non o
esquenzamos foi durante a primeira etapa, organización autónoma.
O quinto factor caracterizador da F.M.G é a
democracia, sistema polo que aboga tanto para o artellamento político
da sociedade, como no seu propio seo. En efecto, xa dexergamos no
apartado de organización, como os Estatutos e reglamentos internos da
F.M.G., respetan sempre a democracia, salvagardándose o dereito das
bases a establece-la liña política, e a participar na toma das
decisións máis importantes, principalmente por medio dos congresos
anuais e extraordinarios, que a F.M.G. denominaba «Asambreias». Elo non obstante, no interior da F.M.G.,
pugnaban duas correntes extremas, unha ferreamente centralizadora, e
outra maximalista na concepción da democracia e a descentralización
interna. A correlación de forzas quedou reflexada na III Asamblea, na
que foron aprobados uns Estatutos democráticos, pero cun sesgo
centralizante. Sinalemos ó cabo, que a verba «Federación»
que figura nas siglas da organización obxeto de análise, non quer
indicar que fora este o xeito de artellar no plano organizativo a sua
concepción de democracia, é dicir, que a estructura organizativa da
F.M.G. non era federal; soamente pretende expresar que non se trataba
dun partido, senon dunha organización de masas, as cales soíanse
denominar «unión»,
«liga» ou
«federación».
4.4 Socioloxía
Temonos que valer de datos desconexos e
informacións ciscadas, para averigua-Ia composición interna das
Mocedades, dado que a lista de afiliados foi destruida no vran de 1936
por motivos doados de imaxinar. Temos, así, referencias de que F.M.G.
nutríase primordialmente de estudiantes (57), contando tamén con gran
número de empregados, oficinistas e membros das clases medias en xeral (58), dentro das que podemos incardinar un certo núcleo de artistas
(59). Campesinos algúns debía haber nos Grupos rurais, pero todo
nos fai pensar que debían ser sumamente escasos. Deducimos isto, en
primeiro lugar, de que non atopamos ningunha referencia a que houbera
moitos labregos (e decimos labregos, máis que de extracción social
campesina, porque como é sabido, a «compañía familiara
labrega», vixente en Galicia, implicaba que traballaban tódolos
membros da mesma na explotación agraria) nas Mocedades, cousa que
estimamos de seu moi significativa, sobor de todo se consideramos que a
implantación no campesinado era unha das prioridades da F.M.G., polo
que, de obter resultados positivos neste eido, faltaríalle tempo para
pregoalos ós catro ventos. E, inferímolo en segundo lugar, da
composición social dun Grupo de Mocedades (o de Carballedo, en
Cotovade) que coñecemos, e que pode resultar bastante representativo a
este efecto, por estar inserto nun medio eminentemente rural. Na
composición social da «Mocedade Nacionalista de Carballedo»,
distinguimos: tres estudantes de bacharelato, un ferreriro, un albañil,
un mestre, un estudiante de Dereito, un panadeiro, un xastre, un
carpinteiro, e, ó cabo, un mecánico e un zapateiro (60). Como se pode
ollar, non aparece ningún labrego, o que indica, non que non existiran
en absoluto campesinos nos restantes Grupos rurais o que sería unha
interpretación abusiva, senon que debían seren certamente poucos.
Vexámos agora os sectores sociais que maior
interés espertaban na F.M.G., de cara a granxearse o seu apoio. Esto
podemolo establecer con bastante precisión. Interesáballe
primordialmente o sector estudiantil, especialmente no nivel
universitario, pero tamén nos degraos inferiores do ensino (61). Sinalaba,
en segundo lugar, o mundo do deporte, fixándose primordialmente no
excursionismo, actividade que permitía coñecer Galicia e tomar convencia
da sua unidade. Ian despois, as clases medias, con atención especial
ós empregados e oficinistas, querendo encadralos en «seccións
sindicais galegas», tendentes a unha futura
«Organización
Galega de Empregados e Oficinistas». En cuarto lugar, os campesinos
e mariñeiros, verbo dos cales propugnaba a creación de Sindicatos
campesinos e mariñeiros, ou ben seccións pois non tiña isto claro, nin
discutido, que integrarían unha futura «gran sindical galega de
carácter nacional».
Aludía, a renglón seguido, ós obreiros, recoñecendo que: «O máis alonxado, pol-o intre, é iste
sector»; de tódolos xeitos non
desdeñaba o apoio deste segmento
da sociedade galega (62), e marcábase a tarefa de infiltrarse nas
organizacións sindicais existentes. Interesáballe, en sexto lugar, os
escritores e artistas, entendendo que eran especialmente receptivos á
prédica nacionalista; coidaba comenente aglutinaIos en fortes
organizacións, para elimina-Ia inoperancia a que os conducía o seu
desvertebramento. O cabo, asignábaselles un séptimo e octavo postos,
ós sectores femenino e infantil, respectivamente.
NOTAS:
|